O Cabo, único barrio mariñeiro de Pontevedra, comeza as súas obras de reforma
Por Redacción
Nos próximos días iniciaranse as obras de reforma, segundo informa o Concello de Pontevedra, do único barrio mariñeiro actual de Pontevedra, O Cabo, situado na parroquia de Lourizán. Instalaranse casetas de obra e comezaranse a transportar os materiais e os valos para acometer os traballos que durarán catro meses.
A obra ten un orzamento superior a 203.000 euros e leva a peonalización do barrio, con acceso para vehículos só para residentes seguindo o modelo aplicado no centro histórico de Pontevedra. Será executada por E.C. Casas, que presentou como melloras o incremento do espesor da capa de formigón e do asfalto.
Durante os traballos que concluirán no inicio de 2018, o Concello ten previsto que mellore o acceso ao barrio desde a praza dos Praceres, reordenarase o estacionamento situado fronte ao colexio, rehabilitaranse todas as rúas, modificarase o acceso á praia de Praceres. Ademais vai cambiarse a iluminación en toda a contorna.