Sanxenxo queima asfalto na concentración moteira
Por Redacción
Centos de afeccionados ás motos acudiron á cita anual en Baltar para gozar durante este sábado 9 do día grande da concentración mototurística Rías Baixas Sanxenxo, organizada polo MotoClub Amigos da Moto, que comezaba o venres e conclúe este domingo.
Ao longo da xornada desenvolvéronse diferentes actividades con exhibicións espectaculares, xogos, animación e concertos durante a noite na contorna da carpa situada na chaira de Portonovo.
O Show Stunt con Paulo Martinho e a discoteca móbil Eme Music provocaron o entusiasmo entre os máis novos.
Na xornada final deste domingo realizarase un almorzo moteiro para iniciar unha excursión pola contorna a partir das 11.15 horas. A partir das 14.00 horas celebrarase a comida-catering na praza do Mar en Sanxenxo que finalizará coa entrega de trofeos e o sorteo de agasallos entre os que destaca un casco de Ángel Nieto asinado pola familia do recentemente falecido piloto español que foi campión do mundo de motociclismo en 13 ocasións.
Durante as últimas horas, a Garda Civil de Tráfico intensificaba os controis de velocidade con radares tanto na vía rápida como nas saídas da autovía.