Chega o castañeiro á Ferrería coa baixada de temperaturas
Por Redacción
Un síntoma habitual de que o verán chega a súa fin é a presenza do tradicional castañeiro na Praza da Ferrería. Este sábado comezaba a instalar o seu toldo e a máquina do tren onde asará as castañas ao longo das vindeiras semanas coincidindo coa baixada de temperaturas.
Este sábado, as Rías Baixas quedan marcadas por inestabilidade atmosférica e o descenso das temperaturas. Os ceos alternarán nubes e claros, coa probabilidade de chuvascos. As temperaturas situaranse entre os 16 e os 22 graos con ventos que soprarán moderados do noroeste, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia.
Durante o domingo 10, Galicia queda baixo a influencia dunha borrasca centrada ao norte das Illas Británicas. Espérase que os ceos se atopen moi nubrados en xeral, con posibilidades de choivas illadas e ocasionais. Ás horas centrais do día abriranse claros pero, durante a noite, volverán rexistrarse choivas débiles, principalmente na zona oeste da comunidade. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso. Os ventos soprarán de compoñente oeste, moderados na costa e frouxos no interior. As temperaturas oscilarán entre os 11 e os 21 graos.
O luns 11 de setembro espérase a influencia dun anticiclón sobre Galicia. Os ceos permanecerán nubrados durante a mañá, coa posibilidade dalgunha precipitación ocasional e débil. Iranse abirendo os claros ao longo do día. As temperaturas mínimas experimentarán un moderado ascenso. Os ventos soprarán de compoñente oeste, frouxos en xeral, con intervalos de moderado no litoral.
A presenza do anticiclón quedará patente a partir do mércores con temperaturas que se situarán durante eses días ao redor de 25 graos.