O Grupo de Desenvolvemento Rural concede máis de 900.000 euros de axudas para proxectos
Por Oskar Viéitez
A xunta directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra Morrazo aprobou este xoves os proxectos da convocatoria 2017 de axudas europeas Leader 2014-2020, por importe de 2.623.346,69 euros de investimento total e 914.615,25 euros de axuda pública.
De entre as solicitudes presentadas ata 31 de marzo de 2017, a xunta directiva aprobou 13 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2017/18.
Son iniciativas como a creación dunha fábrica de mobles en Campo Lameiro, que recibirá unha axuda de 200.000 euros; a creación dunha escola hípica en Ponte Caldelas (77.372,36 euros); a ampliación da empresa instaladora de enerxía solar en Barro (200.000); a creación dunha lavandería autoservizo en Ponte Caldelas (19.581,04 euros), a ampliación e modernización dun estudo de deseño industrial en Soutomaior (108.944,39 euros) a creación dun aloxamento turístico na parroquia pontevedresa de Verducido (114.991,64 euros), ou a ampliación do tanatorio de Moaña (81.310,96 euros), están entre os equipamentos máis salientables.