Barro mellora a seguridade nos accesos ao CEIP Amor Ruibal
Por Redacción
O goberno municipal do Concello de Barro tiña detectado problemas de seguridade viaria no entorno do CEIP Amor Ruibal que xa veñen de moi atrás. A falta dun aparcadoiro exclusivo para os autobuses do transporte escolar e o ter que compatibilizar as entradas e saídas de todo o alumnado e dos familiares que acompañan a moitos nenos que non utilizan o transporte, provocaba que nese acceso ao recinto se produciran situacións de inseguridade.
Por este motivo, e recollendo as demandas do Consello Escolar, habilitouse una nova entrada peonil ao recinto do colexio para o alumnado que non ven en autobús e os seus acompañantes. Desta maneira, mellórase tamén a seguridade na entrada posterior, quedando de uso exclusivo para os que veñen no transporte escolar.
Esta actuación complétase cunha senda peonil dende a zona de aparcadoiro para as persoas que trasladan aos seus fillos no seu coche particular e para aqueles que veñen andando ao colexio.
Outra das actuacións levadas a cabo no entorno do colexio foi a colocación de redutores de velocidade e o pintado dun paso de peóns na zona de parada dos autobuses do transporte escolar.
O xoves, o alcalde e a concelleira de Educación mantiveron unha reunión coa directiva da ANPA do colexio. Neste encontro comprobáronse as actuacións levadas a cabo para conseguir esa mellora de seguridade no entorno e os accesos ao recinto escolar, manifestando os representantes da ANPA a súa satisfacción polas obras feitas.