Os expertos en hipertensión e risco vascular recuncan en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
O congreso da sociedade galega de hipertensión e o congreso da sociedade galega de risco vascular celebraranse en Sanxenxo por terceiro ano consecutivo.
Serán os días 29 e 30 de setembro cando 300 especialistas nestas materias acudan á vila para abordar os avances no estudo e tratamento destas enfermidades cardiovasculares que, a día de hoxe, constitúen a primeira causa de mortalidade no mundo.
Diferentes especialistas tratarán aspectos como a importancia da alimentación, a diabetes, ou os diferentes avances médicos na súa materia desde puntos de vista multidisciplinares e transversais; medicina interna, medicina de familia, cardioloxía ou nefroloxía.
E do mesmo xeito que sucedeu durante as edicións destes congresos instalarase na Rosa dos ventos do paseo de Silgar unha carpa médica onde os visitantes poderán facerse, de forma totalmente gratuíta, un completo recoñecemento médico para comprobar se están ou non en risco de padecer algunha enfermidade cardiovascular.