A Deputación propón a creación dunha subsede permanente do GES no Grove
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra trasladou este mércores dúas propostas para mellorar a eficiencia do mapa de emerxencias na provincia. Fíxoo na comisión de seguimento do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e as deputacións provinciais.
As ideas defendidas polo deputado Carlos López Font pasan por impulsar o modelo de isocronas, é dicir, que a repartición na atención dos servizos de emerxencia se faga polo tempo de resposta e non por comarcas, e a creación dunha subsede do GES no Grove.
Neste aspecto a creación dunha subsede na localidade supoñería dar permanencia aos convenio anual que veñen asinando desde 2014 entre administracións para reforzar o servizo, dada a situación xeográfica do Grove nunha península que amplía os tempos de resposta desde outras bases e debido tamén á súa condición de municipio turístico, cun grande incremento de poboación durante o verán.
Desta maneira O Grove prestaría o servizo conxuntamente co grupo de emerxencias de Sanxenxo, dun xeito similar ao que xa ocorre na Estrada e Lalín.
En canto ao modelo de isocronas, López Font defende que o tempo de resposta debe ser de 30 minutos como máximo, cando na actualidade "desde o concello da Lama, no leste, ata o de Vilaboa e desde o concello de Cerdedo-Cotobade, no norte, ata o de Covelo no sur da provincia existe un déficit de medios que fai que esa parte do territorio sexa máis vulnerable ante as incidencias", sinalou o deputado provincial.