O CRE da ONCE en Pontevedra dará apoio a 356 alumnos cegos que se incorporan ás aulas en toda Galicia
Por Redacción
Un total de 356 estudantes cegos ou con discapacidade visual grave de Galicia incorpórase nos próximos días ás aulas xunto ao resto de compañeiros. O 99,6% intégrase en centros ordinarios de ensino co apoio da ONCE e as administracións educativas. Para os novos universitarios, a organización ofrece un programa "in situ" de adaptación ás novas contornas
Eses 356 alumnos con cegueira e discapacidade visual grave repártense de cara o novo curso 2017/18 entre os diferentes niveis educativos: 60 escolares comezan a Educación Infantil, 82 están escolarizados en Educación Primaria, 54 chegaron á ESO, 15 cursan Bacharelato, 20 prepáranse en centros de FP, 45 incorpóranse ás tres universidades galegas e 80 están inscritos noutro tipo de ensinos.
Todos os alumnos, con independencia do seu lugar de residencia, reciben o apoio especializado do equipo específico de atención educativa do Centro de Recusos Educativos (CRE) que a ONCE ten en Pontevedra.
Ademais, para cada novo curso, os servizos de produción bibliográfica da ONCE traballan intensamente para que o alumnado con cegueira poida dispoñer, desde o primeiro día de clase, dos mesmos libros de texto que os seus compañeiros, só que transcritos ao sistema braille ou outro soporte, así como toda a documentación necesaria (apuntamentos e calquera outra documentación de interese) en formato accesible.
Moitos deles contan ademais con tecnoloxía adaptada de última xeración para seguir o curso en igualdade de condicións: computadores con voz, anotadores e calculadoras parlantes ou impresoras en braille, entre outras.
Neste sentido, a ONCE lanza cada ano unha mensaxe ás administracións e todos os implicados no proceso curricular para que calquera innovación tecnolóxica na aula teña sempre en conta a accesibilidade porque, pola contra, pode deixar fóra a estes estudantes con discapacidade visual e colocar fronte a eles barreiras ás veces insuperables. Páxinas webs, aplicacións, libros e outros apoios educativos deben cumprir a máxima de deseño para todos.