Sanxenxo prepárase para a concentración moteira
Por Oskar Viéitez
Este mércores tivo lugar unha reunión no Concello de Sanxenxo para ultimar a organización da concentración de motos desta fin de semana.
Ao encontro asistiron o alcalde, Telmo Martín; o concelleiro de turismo, Jesús Sueiro; e representantes da Policía Local, Garda Civil de Tráfico e do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo, ademais de representantes do Motoclub Amigos da Moto.
O que se pretende é que todos os motoristas e demais asistentes poidan gozar dun evento tranquilo e seguro.
Destacar que desde a Garda Civil felicitouse á organización da cita, pois entenden que son un grupo exemplar en canto a seriedade e control da gran afluencia de xente que se concentrará esta fin de semana na zona.
VERTEDURA DE LIXO
Por outra banda, o Concello tivo noticia dun pequeno vertido no polígono de Nantes.
Un veciño deu aviso dun montículo de lixo. A Policía Local foi ata alí e comprobouse que había pilas e baterías. Ademais había algún documento que facilitou localizar á empresa da que procedía todo este material.