Telmo Martin quere entregar o orzamento á oposición a próxima semana
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Sanxenxo, presidido polo alcalde Telmo Martín, expuxera a idea de preparar o orzamento municipal do ano 2018, para que puidese estar en vigor desde o 1 de xaneiro dese ano. Con todo, unha vez que o novo goberno tivo a oportunidade de falar en profundidade cos servizos de económicos do Concello, mudou a súa idea inicial.
O motivo, segundo explicaron fontes do executivo sanxenxixo, é que non aprobar o orzamento do 2017 supoñería perder polo menos 500.000 euros, que non se recuperarían no orzamento do 2018 e ademais restaría marxe de manobra ao goberno para investimentos propios do Concello e as que se puidesen facer en colaboración con outras administracións.
Desde o goberno local aseguran que "é evidente que este goberno non está disposto a perder nin un só euro, nin tampouco unha soa oportunidade para sacar adiante as necesidades e demandas dos veciños. Por iso tomamos a decisión máis difícil, porque implica aprobar dous orzamentos no que queda de ano, pero tamén a que máis beneficia ao interese xeral".
O bipartito de Sanxenxo, conformado polo PP e SAL, leva tempo elaborando o orzamento do 2017 e a súa intención é aprobalo nas próximas semanas. Pero tamén, antes de que finalice o ano, presentará o orzamento do 2018 para que poida estar en vigor a principios do ano que vén.
A intención do goberno é entregar aos membros da corporación o borrador de orzamento do 2017 a semana que vén para que poidan estudalo antes de convocar a comisión de contas na que se escoitarán as súas propostas e, posteriormente, levalo ao pleno para a súa aprobación.