A Festa dos Callos prepara 1.700 racións para este domingo na Seca
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
A Alameda da Seca en Poio contará este domingo 10 a partir das 12.00 horas con dúas carpas instaladas para o desenvolvemento da Festa dos Callos.
Unha delas, a máis ampla, contará con espazo para que os asistentes degusten o tradicional prato, ademais da mostra da exposición, os postos para o polbeiro, a empanada e os postres. A outra carpa será exclusivamente para a cociña. Alí van situarse vinte potas onde está previsto que se prepare máis de media tonelada de carne, 250 quilos de garavanzos, allos, pan e diversos condimentos para a elaboración dos sabrosos callos.
A concelleira de Festas, Lidia Salgueiro, acompañada por Lola Franco, Maribel Fernández e Berta Parga, representantes da asociación Boureante, organizadora do evento presentaban este mércores a undécima edición desta festa.
As organizadoras sinalaban que da elaboración dos contidos da pota ocúpase unha cociñeira que conta coa colaboración de sete axudantes. O sábado a partir das 18.00 horas comezan os traballos de elaboración para a partir das 20.00 horas poñer as potas ao lume. "É todo un espectáculo", afirmou Lidia Salgueiro.
A inauguración da festa será a partir das 11.45 horas coa intervención das autoridades. Un cuarto de hora máis tarde comezará a venda de tickets para as racións que terán un prezo de seis euros, igual que o pasado ano. O ticket dá dereito á ración ademais dun viño ou unha botella de auga e a cazola.
A música correrá a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio.