Ferido tras derrubar co seu coche un poste da luz en Vilanova
Por Oskar Viéitez
Un particular alertou ao 112 Galicia do choque dun turismo contra un poste de iluminación, no punto quilométrico 1 da PO-301, en Vilanova de Arousa. Foi sobre as 01:00 horas da noite deste mércores,
O alertante indicaba que, debido ao impacto, o poste e os cables da luz caeran sobre a estrada. Por iso, os profesionais do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos axentes de Tráfico e do persoal da empresa subministradora de electricidade.
Ata o lugar tamén se desprazaron os efectivos de Protección Civil que indicaron que o condutor foi trasladado ao centro hospitalario de referencia nun coche particular, ao resultar ferido.
Os Bombeiros do Salnés e o persoal de mantemento da estrada tamén foron informados do accidente polo 112 Galicia.