Campaña de limpeza nos portos de Vilanova de Arousa, Meloxo e Bueu
Por Oskar Viéitez
O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, anunciou este luns a posta en marcha da cuarta campaña de limpeza nas dársenas dos portos de Vilanova de Arousa, Meloxo (O Grove) e Bueu, entre outros.
Nunha rolda de prensa celebrada na sede pontevedresa deste organismo dependente da Consellería do Mar, José Juan Durán apuntou quen "ao longo das vindeiras semanas" o equipo de traballo formado por cinco mergulladores, auxiliados con medios mecánicos e un barco con grúa, acometerá as tarefas de limpeza coordinada en terra coa empresa encargada da limpeza de Portos de Galicia, que terá preparados os contedores para o depósito dos residuos e realizará a súa xestión selectiva.
Pola experiencia levada a cabo nos pasados anos, entre os residuos que se acumulan nos fondos mariños, atópanse diversos obxectos de medianas e grandes dimensións, como restos de embarcacións, rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos e ata elementos de tipo doméstico.
Ademais, nas limpezas anteriores retiráronse restos da propia actividade portuaria que accidentalmente acaban no fondo do mar, como caixas de peixe ou cabos desprendidos de embarcacións atracadas no peirao.
O presidente de Portos de Galicia sinalou que esta mesma experiencia é a que aconsella continuar con esta iniciativa que "permite retirar dos fondos mariños residuos materiais que nunca deberon chegar ao mar".
Así mesmo, engadiu que Portos de Galicia leva a cabo este tipo de actuacións con carácter regular para mellorar a seguridade nas augas interiores e impulsar a protección da fauna, que pode ser afectada seriamente pola acumulación de residuos nos fondos mariños. Durán Hermida asegurou que unha das liñas de traballo estratéxicas do ente público que preside é reforzar a sustentabilidade ambiental dos peiraos de titularidade autonómica.
Finalmente José Juan Durán precisou que a limpeza das dársenas implica a recollida selectiva de obxectos do fondo mariño dentro das augas interiores do porto, polo que "non se trata dunha dragaxe, senón da recollida de residuos".