Retiran catro cans dunha propiedade en Lourizán en situación de abandono e cheos de pulgas
Por Anxo Lourido
Axentes do Seprona, alertados polos veciños de Lourizán, desprazáronse ata unha propiedade da parroquia pontevedresa onde comprobaron como catro cans atopábanse nunha situación de abandono.
Os axentes puxéronse en contacto coa asociación Os Palleiros para saber se se podían facer responsables das mascotas. A veterinaria do colectivo desprazouse ata a leira e, tras comprobar que os animais presentaban numerosas feridas e estaban cheos de pulgas, decidiu que trasladaban aos cans á protectora de Campañó.
Gloria Cubas, presidenta dos Palleiros, afirma que cando lograron contactar co dono, o home mesmo chegou a encararse cos axentes do Seprona insistindo en que as mascotas lle costaran moitos cartos e non podían retirarllas. Finalmente accedeu a ceder os cans, dous bóxer, de sete e dous anos; un cruzamento de chihuahua, tamén de ao redor de dous anos e outro can de pequeno tamaño, de apróximadamente seis anos.
Os cans terán que manterse 21 días en corentena, despois de ser tratados e desparasitados. Despois quedarán en réxime de adopción. Unha das boxer presenta un vulto na cabeza e a asociación encargarase agora de que se lle someta a unha biopsia para comprobar se se trata dun tumor. Gloria Cubas afirma que os animais se atopaban nun espazo que era "un estercolero", con auga de cor verde e rodeados de corpos enterrados doutros animais que tivera o propietario da leira.
Os Palleiros denunciará a este propietario, pero temen que a multa á que terá que someterse quede reducida ao ceder os animais. A presidenta do colectivo indica que, en todo caso, o diñeiro da sanción irá directamente á Xunta e Os Palleiros terá que facer fronte ao gasto económico do coidado e do mantemento destes catro animais nun recinto no que non sobra capacidade, a pesar de que este ano, segundo comenta Cubas, non se rexistraron tantos abandonos de mascotas como en 2016.
Desde a asociación alertan de que se denuncien estes casos e lembran a responsabilidade que supón ter un can.
Relacionadas:
-
A II Carreira Solidaria Montes de Curro contou con máis de cen participantes
Por Redacción |
-
O Concello inviste 17.000 euros na mellora da canceira municipal
Por Redacción |
-
Identifican catro persoas polo abandono dun can malferido na protectora dos Palleiros
Por Alejandro Espiño |
-
Abandonan con graves feridas un can ao que obrigaban a participar en pelexas
Por Alejandro Espiño |