O Concello ábrese á posibilidade de converter en festivo o día da celebración da Feira Franca
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
A concelleira de Festas, Carme da Silva, destacou este luns o desenvolvemento "espectacular e extraordinario" das festas do verán en Pontevedra e en particular a celebración da Feira Franca durante este primeiro sábado de setembro.
Neste sentido subliñou a enorme participación nesta décimo oitava edición e a presenza, cada vez máis importante, de grupos organizados, que realizan as súas propias actividades musicais ou interpretativas á marxe do programa oficial da Feira Franca, elaborado polo Concello.
Tamén considera importante que, a pesar do número de anos que se leva realizando, este evento de carácter familiar segue sen ofrecer risco de deterioración porque non se rexistraron incidencias de gravidade nin botellóns nos controis que realizou a Policía Local por toda a contorna do centro histórico.
Carme da Silva indicou que o retorno económico da Feira Franca é moi elevado non só para a hostalería, senón tamén para outros sectores. Neste sentido, destacou que durante o venres e o sábado practicamente era imposible atopar unha furgoneta de aluguer porque numerosos grupos de comensais ou de animación recorreran a estes vehículos para trasladar os elementos que precisaban á festa medieval.
DÍA FESTIVO
A concelleira sinalou que hai numerosas persoas solicitan que o primeiro sábado de setembro se converta en xornada festiva. Entende que levaría dificultades pola propia dinámica de funcionamento da cidade pero indicou que o goberno local mostrábase aberto a estudar esta opción de probar que a xornada sexa festiva a condición de que algún dos festivos locais coincida en domingo.
Afirmou que, en todo caso, esa festividade non lle afectaría á hostalería e que só supoñería un beneficio para traballadores do comercio local, que podería participar da festa.
Tamén deixou claro que se descarta totalmente a ampliación á xornada do domingo para evitar a deterioración desta cita anual. Da Silva concluíu preguntándose quen aguantaría dous días de celebración seguidos ao tratarse dunha festa familiar.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra quere que o sábado da Feira Franca sexa festivo local
Por Oskar Viéitez |
-
GALERIA 7.- Torneo medieval da Feira Franca
Por Diego Torrado |
-
Feira Franca 2017, unha festa histórica
Por Redacción |
-
GALERIA 2.- O transporte do viño na Feira Franca
Por Cristina Saiz |
-
A Feira Franca é "a nai de todas as festas"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |