O IGE confirma o saldo migratorio positivo en Ponte Caldelas
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas celebra os datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que confirman a boa traxectoria demográfica deste municipio, que rachou en 2016 unha tendencia negativa que viña arrastrándose dende unha década atrás.
Os datos que o IGE vén de facer públicos indican que Ponte Caldelas ao igual que Pontevedra, Caldas de Reis, Vilaboa e Poio, ten un saldo migratorio positivo. Segundo este balanzo, Ponte Caldelas recibiu máis xente durante o pasado ano da que emigrou. Conta con 215 novos veciños fronte aos 199 que marcharon.
As estatísticas oficiais tamén confirmaron meses atrás que Ponte Caldelas pechou 2016 cun saldo demográfico positivo, pois sumou 33 novos veciños para chegar ata un total de 5.573. En termos relativos foi o concello pontevedrés cun maior avance de poboación.
Dende o goberno local subliñaron que "non deben menosprezarse estas cifras, pois aínda que modestas están por enriba da media dos concellos que avanzan. E non debe esquecerse que o conxunto de Galicia está a perder poboación".
Ponte Caldelas levaba perdendo poboación de xeito constante durante máis dunha década, pois a comezos deste século contaba con máis de 7.000 habitantes.
Para explicar a mellora, o goberno local destaca a campaña de empadroamento que está a desenvolver o Concello e os acordos coas empresas asentadas no polígono da Reigosa que outorgan rebaixas impositivas a cambio da contratación das persoas incluídas na bolsa de emprego do municipal.