Un venres infestado de accidentes de tráfico
Por Oskar Viéitez
Os servizos de emerxencia tiveron de traballar arreo para responder aos numerosos accidentes rexistrados durante este venres.
PONTEVEDRA
Ás nove da mañá rexistrábase unha colisión entre dous turismos na rúa Leandro del Río en Lérez, resultando feridos un menor de idade e unha muller de 57 anos, de iniciais M. C. M. T., sendo ambos os trasladados ao hospital Montecelo.
Os coches quedaron cruzados na calzada quedando pechada durante unha hora a circulación neste viario (a PO-223), que une Pontevedra e Campo Lameiro.
POIO
Unha muller foi trasladada en ambulancia a un centro sanitario ao resultar ferida tras a colisión entre dous vehículos que se produciu ás 14.30 horas, nas inmediacións do porto de Combarro.
MARÍN
Con lesións de carácter leve para a condutora e o coche envorcado coas catro rodas cara ao ceo resolveuse un sorprendente accidente rexistrado ás 14.51 horas na céntrica rúa Ezequiel Massoni de Marín. O envorco produciuse despois de que o vehículo chocase contra outros dous turismos que estaban estacionados.
SANXENXO
Xa pola tarde, ás 17.55 horas, na rúa Progreso á altura da rotonda de Arnelas, chocaron dous vehículos. A Policía Local solicitou a presenza dunha ambulancia para atender ao ocupante dun dos turismos implicados que sufría unha forte dor cervical.
CERDEDO-COTOBADE
Sen feridos resolveuse outro suceso rexistrado na estrada N-541 ao seu paso por Cotobade. Un camión dun transporte especial chocou contra a porta dun vehículo que estaba estacionado arrincándoa.
PONTEVEDRA
Finalmente, pasados uns minutos das 20:30 horas da tarde unha persoa particular alertaba ao 112 dun coche ardendo no interior dunha nave de Monte Porreiro. Aínda que o alertante indicou que case estaba extinguido, os bombeiros da cidade desprazáronse igualmente ata o lugar. Unha vez no punto, os bombeiros confirmaron que o lume xa fose extinguido polos particulares.