Carmela Silva lembra que o castelo de Soutomaior xa non é un monumento "onde Rueda ía xogar aos castillitos con Rajoy"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva informou este venres da adxudicación da musealización do castelo de Soutomaior, un enclave histórico que, segundo destacou, paso de ser un monumento "onde Rueda ía xogar aos castillitos con Rajoy" a ser un "elemento democratizador do patrimonio".
Na súa reincorporación tras as vacacións, Carmela Silva lembrou o ocorrido o pasado 28 de agosto no acto de apertura do curso político do Partido Popular en Cerdedo-Cotobade no que o presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, o propio presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo e mesmo o presidente do Goberno, Mariano Rajoy demostraron seguir molestos coa decisión da presidenta da Deputación de impedir que o PP puidese seguir utilizando o castelo de Soutomaior, propiedade do ente provincial, para celebrar actos políticos.
"Que perda o Partido Popular toda esperanza de recuperar a Deputación de Pontevedra porque vai seguir estando xestionada polo actual equipo de goberno", proclamou hoxe Carmela Silva.
A presidenta da Deputación tamén se referiu ao acto de inicio do curso político celebrado polo PP na Carballeira de San Xusto para remarcar a súa "terrible tristeza" porque "Rueda e Feijóo consideren que é unha carballeira de terceira" ao entender que esta non é "un sitio axeitado para que se reúna o Partido Popular", cando "os pontevedreses sentímonos tan orgullosos" deste lugar.
Ademais a presidenta provincial reprochou aos populares que non falasen naquel encontro dos problemas que sofre a cidadanía e que mostrasen a súa "fixación" en empregar o castelo de Soutomaior "para usos partidarios".
"Síntome moi triste dun goberno galego e dun goberno do estado que en lugar de falar dos problemas da xente veñen falar de Exin Castelos e de principiños", afirmou.
MUSEALIZACIÓN
A Deputación de Pontevedra investirá preto de 500.000 euros para renovar os contidos e a formalización museográfica do castelo de Soutomaior destacando a súa importancia no territorio, o seu valor simbólico e a súa traxectoria histórica.
A empresa que resultou adxudicataria do proxecto deberá executar os traballos nun prazo de 28 semanas. Os eixos temáticos que incluirá a actuación abordarán desde os dez séculos de historia do castelo ata a importancia do enclave do recinto para o control do territorio, a liñaxe dos Soutomaior, o asalto e a destrución do castelo a cargo das revoltas irmandiñas, a fortaleza como centro de poder político e económico, as figuras de Pedro Madruga, Cristóbal Colón e da Marquesa de Ayerbe, as continuas adaptacións do castelo ou as reformas efectuadas desde o século XII ata o XX.
Entre xuño e agosto deste ano visitaron o castelo 10.510 persoas o que supón un incremento do 45,2% no número de persoas que acudiron ao recinto con respecto ao verán pasado, cando foi visitado por 7.235 persoas.