As estradas de Ponte Caldelas estrean os lombos solicitados
Por Redacción
Os lugares de Pazos, Parada, Taboadelo e Xustáns estrearon esta semana cinco elementos redutores de velocidade, colocados en estradas provinciais ou locais. As obras foron realizadas pola Deputación dentro do seu plan de obras, a solicitude do Concello de Ponte Caldelas.
Segundo informou o goberno local de Ponte Caldelas, as peticións foron realizadas en todos os casos polos veciños e "pactouse con eles os puntos onde se colocaron" este tipo de elementos. A localización decidiuse tamén con criterios técnicos para que os redutores foran realmente efectivos no control da velocidade.
As obras concluíron estes días co pintado da sinalización horizontal e a instalación dos sinais verticais, pois cada saínte está acompañado de indicadores da irregularidade no firme e de limitacións de velocidade a 30 quilómetros por hora.
Estas mesmas fontes din que a veciñanza acolleu con "satisfacción" estas obras, pois no caso de Pazos rexistrábanse velocidades excesivas, especialmente no sentido de baixada, polo que foi necesario regulala a ambos lados da primeira curva que dá acceso a este núcleo.
No caso de Parada, optouse por colocar un lombo antes da curva de entrada da estrada provincial dende Xustáns, pois xa se teñen producido varias saídas de vía nos últimos anos ao coincidir este punto, localizado tras un tramo que invita a pisar o acelerador, con varias vivendas.
Finalmente, o Concello estimou as suxestións veciñais de colocar redutores a carón da igrexa de Taboadelo e xunto a un dos principais cruces de Xustáns, onde tamén era preciso non só limitar a velocidade, senón mellorar a seguridade viaria dos peóns.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou as obras e comprobou que, aínda que é necesario corrixir un par de pequenos detalles, están realizadas correctamente.
Díaz explicou que, ata o de agora, non houbo máis peticións veciñais, pero se se producen se estudarán axeitadamente, "porque a liña do goberno local de Ponte Caldelas pasa, necesariamente, por pactar a colocación e situación dos lombos coa veciñanza".
Relacionadas:
-
Os concellos solicitan á Deputación mil lombos máis en toda a provincia
Por Alejandro Espiño |
-
O vicepresidente da Deputación, de visita institucional en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A Deputación financiará a mellora de estradas en Avecil, Caritel, Insua, Santa Comba e Tourón
Por Redacción |
-
Chegan os lombos a Vilarchán
Por Redacción |