Concentración de rexeitamento á reforma da lei sanitaria que "suprime áreas" e crea "hospitais de segunda"
Por Oskar Viéitez
Representantes dos tres grupos da oposición en Galicia, En Marea, PSdeG e BNG, mobilizáronse este mércores en rexeitamento á reforma da Lei de Sanidade de Galicia proposta pola Xunta que, segundo denuncian, "crea hospitais de segunda" coa "supresión" das áreas.
Na protesta celebrada ás portas do Hospital do Salnés, participaron a líder do BNG, Ana Pontón, o alcalde de Vilagarcía, o socialista Alberto Varela, así como os deputados de En Marea Carmen Santos e Marcos Cal.
A portavoz do Bloque criticou que os populares "aproveiten o verán para cociñar novos recortes" cando "aseguran que se está saíndo da crise".
"Empezan coa eliminación das áreas sanitarias, o primeiro paso para o desmantelamento duns hospitais que achegan a sanidade aos cidadáns e que o que necesitan son máis recursos e máis medios", advertiu Ana Pontón, que esixiu a retirada desta futura reforma legal.
Pola súa banda, a viceportavoz de En Marea no Parlamento, Carmen Santos, denunciou esta "nova agresión" do goberno de Feijóo á sanidade pública. "Non hai nada máis ruin que facer negocio coa saúde da xente como busca o PP", manifestou a parlamentaria autonómica.
Desde o Partido Popular de Vilagarcía centraron as súas críticas no Partido Socialista polo súa "mezquina" guerra aberta contra a Lei da Saúde que, segundo aseguran, "aséntase sobre mentiras para confundir á cidadanía".
"Temos un sistema sanitario envexable que pode seguir mellorando. Iso é o que persegue a reforma da lei e o que torpedea o PSOE", din os populares nun comunicado.