Espectacular accidente dun trailer en Barro
Por Cristina Saiz
Pasadas as 13.00 horas deste martes 29 de agosto rexistrábase un accidente na Nacional 550 no municipio de Barro á altura do Carballal. Un trailer con material de atraccións de feira envorcaba separándose a carga da cabeza do camión.
O accidente saldouse sen feridos, malia a aparatosidade do incidente. Ata o lugar achegouse unha patrulla da Garda Civil de Tráfico, que cortou un dos carrís. O vehículo dirixíase en dirección a Santiago de Compostela e na recta de subida cara ao lugar de Porráns, por causas aínda por determinar, saía da vía.
As choivas durante as últimas horas deixaron húmido o asfalto, co que aumenta a probabilidade de que se produzan accidentes destas características. Nese punto atópase un sinal que marca o límite de velocidade a 70 quilómetros por hora.
Numerosos veciños achegáronse para ver ao extenso vehículo de transporte estendido sobre a estrada.