Sorprenden un mozo de Vilaboa, con seis meses de carnet, conducindo a 150 km/h nun tramo de 60
Por Redacción
M.G.B, veciño de Vilaboa de 18 anos de idade, obtivo o permiso de conducir no mes de marzo deste ano 2017. Seis meses despois este mozo foi detectado pola Garda Civil circulando a 150 km/hora nun tramo no que o límite se atopa en 60 km/h.
Os feitos sucedían ás 02.40 horas da madrugada deste domingo 27.
O Subsector de Tráfico da Garda Civil instalou un radar móbil que saltaba cando o turismo Renault-Clio que pilotaba o mozo circulaba pola estrada N-550, en dirección cara á Coruña. O condutor novel superaba en 90 km/h. a velocidade permitida neste tramo.
Agora, o mozo terá que enfrontarse este martes 29 a un xuízo rápido no xulgado de instrución número 1 de Cangas, acusado dun delito contra a seguridade viaria.