Máis de 15.000 euros para renovar o bombeo de Mogor
Por Redacción
O Concello de Marín está a renovar o bombeo da zona de Mogor para evitar o risco de que se produzan verteduras. A actuación céntrase en cambiar unha das bombas que foi instalada hai xa 10 anos. Neste caso presentaba danos graves no impulsor, na voluta e nos aneis debido ao desgaste.
Segundo os técnicos que traballan na obra non resultaba viable a reparación e procedeuse á substitución da bomba por outra de similares prestacións en caudal e altura de bombeo, segundo explican desde o goberno local de Marín.
A nova bomba presenta melloras técnicas, que permitirán que os atascos habituais ocasionados por estar mergullada non se rexistren ou, polo menos, aparezan minimizados. O fallo no funcionamento dunha bomba leva normalmente vertidos de augas residuais na canle pública e no caso do bombeo de Mogor ocasiona vertidos na propia praia.
Segundo advirten desde o Concello de Marín, a maioría dos atascos en colectores e nas propias bombas débense á cantidade de toallitas hixiénicas que se utilizan cada día máis en todos os fogares. A degradación destes produtos non é tan rápida e mesturadas con outros residuos provocan atascos graves.
A substitución urxente do equipo danado ten un gasto de máis de 15.000 euros.