O chupinazo e a sardiñada no Día do Turista abren as festas de Sanxenxo
Por Cristina Saiz
Chegou o 25 de agosto e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, lanzaba desde o balcón da Casa Consistorial o chupinazo co que se iniciaban as festas de Sanxenxo.
Despois a Praza dos Barcos alagouse de turistas que participaron da tradicional sardiñada popular na que se repartiron 600 quilos deste saboroso peixe asado en 4 grellas. Os visitantes puideron probar un dos produtos máis ricos da Ría acompañado por racións de pan e un vaso de viño.
Acompañando esta cita culinaria atopábase o grupo de gaitas Os Gatiños de Portonovo, que realizaron un pasarrúas pola mañá e, a continuación, un concerto acompañados pola Banda de Música de Sanxenxo, ás 13.00 horas. Ás 21.00 horas volverán ofrecer un recital na Praza de Pascual Veiga.
Antes, ás 19.00 horas, terá lugar a misa e a procesión en honra a San Xenxo, cantada polo Coro Parroquial San Xinés de Padriñán. Pola noite, as orquestras Suavecito e Marimba amenizarán a verbena.
O domingo 27 celébrase a XVIII edición da Milla Urbana Vila de Sanxenxo, que transcorre polo paseo de Silgar. E xa a partir das 21.00 horas, Cantigas e Agarimos ofrecerán un concerto na Praza dos Barcos.
MÁIS FESTAS EN SANXENXO
Durante a fin de semana tamén se celebran outras festas no municipio. Unha moi tradicional, é a da romaría da Nosa Señora da Lanzada que, segundo a tradición, aquelas mulleres que queiran quedar embarazadas deberán meterse na auga a media noite e recibir nove ondas de forma continuada. A Romaría ofecerá unha verbena na zona da Ermida.
O sábado e o domingo tamén se festexará San Roque e a Virxe das Dores en Dorrón, con pasacalles, misa e procesión, baile rexional, torneo de billarda e as orquestras Yukatán e Solara cada un dos días.