Requisan unha tonelada de peixe nun control de Tráfico na peaxe da AP-9 en Figueirido
Por Redacción
O servizo de Gardacostas de Galicia e a Garda Civil de Tráfico comisaron na madrugada deste venres un total de 1.047 quilos de peixe nun control realizado por estrada na peaxe da autoestrada AP-9 en Figueirido.
Segundo informou a Consellería do Mar a través dun comunicado, os axentes inspeccionaron un vehículo e comprobaron transportaba 640 quilos de xurelo, 352 quilos de lirio e 55 quilos de peixe espada sen ningún documento que amparase a súa legalidade.
Unha vez requisado, e antes de que pasara o tempo e puidera afectar á conservación do peixe, foi entregado ao Banco de Alimentos de Vigo.
Este operativo enmárcase no conxunto dos controis que efectúa o servizo de Gardacostas no eido da comercialización e transporte nas estradas de Galicia, que se suma aos controis da baixamar nas praias para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos pesqueiros.