A conselleira Beatriz Mato ve Sanxenxo como “escaparate” para difundir a riqueza natural de Galicia
Por Redacción
A Praza dos Barcos en Sanxenxo conta desde este mércores cunha caseta itinerante para a promoción da Rede de Parques Naturais de Galicia.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asistiu a esta presentación sinalando que Sanxenxo é un dos mellores escaparates en Galicia para presentar esta rede composta polas Fragas do Eume, o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Monte Aloia, a Serra da Enciña da Lastra, o Invernadeiro e Baixa Limia-Serra do Xurés.
A conselleira estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís e polo alcalde do municipio, Telmo Martín. No punto de información pódese adquirir o pasaporte natural, coñecido como a "Compostelana" dos parques, que convida os visitantes e aos propios galegos a percorrer estes enclaves da xeografía do país.
Segundo os datos que manexa a Xunta, preto de 90.000 persoas visitaron durante o primeiros seis meses deste ano algún dos seis parques naturais de Galicia, atraídos por un turismo diferenciado e de calidade.