Viascón, preparado para unha fin de semana de festa
Por Redacción
A parroquia cotobadesa de Viascón vai celebrar esta fin de semana, desde o venres 25 ata o domingo 27 de agosto, as súas festas de San Antón e da Virxe de Lourdes.
As festas tiveron o seu arranque o pasado día 13 coa Festa dos Nenos, pero non será ata o venres cando levanten o pano de maneira oficial cunha noite de verbena, desde as 22:30 horas, a cargo de orquéstraa D'Moda e do trío Unión y Fuerza.
A xornada central de celebración será a do sábado 26 de agosto, empezando cun pasarrúas da charanga Os Encerellados de Campo Lameiro e, desde as 13:00 horas, cunha misa solemne na honra de San Antón cantada polo Coro Parroquial Santiago de Viascón e a súa posterior procesión.
Xa pola tarde, celebrarase ás 18:30 horas o primeiro Memorial Manuel Nogueira no que actuarán a Coral Polifónica de Campo Lameiro, a Coral Voces Amigas de Mourente, o grupo Cantalúa e a Asociación Cultural Alandra de Campo Lameiro. Para pechar o día, en horario nocturno será a quenda da verbena desde as 22:30 horas con Carambola, o trió Tic Tac e o espectáculo musical de Tania Veiras, coñecida presentadora do programa 'Luar' da Televisión de Galicia.
Pola súa banda, o domingo os festexos iniciaranse coa entrada no atrio da festa de Viascón da Banda de Música da Brilat, seguida pola misa solemne na honra a Virxe de Lourdes desde as 13:00 horas.
As festas de Viascón pecharanse pola tarde cunha festa da escuma desde as 17:30 horas que contará con animación musical, inchables e xogos para os máis pequenos.