Os xulgados de Cambados quedarán liberados de 12.800 expedientes
Por Redacción
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou este mércores os xulgados de Cambados, onde se está levando a cabo a transferencia e expurgo de máis de 12.800 expedientes xudiciais.
Durante esta mesma xornada transferíanse ao Arquivo Xudicial Territorial de Pontevedra, situado no edificio da Xunta en Campolongo, un total de 506 caixas de expedientes do xulgado de primeira instancia e instrución número 3 e outras 220 do número 1. En total, 6.633 expedientes, que se custodiarán provisionalmente nestas instalacións á espera do que decida a Xunta de Expurgo.
Podería decidirse a súa destrución ou a conservación permanente no Arquivo Histórico Provincial.
Retiraranse 228 caixas con 6.177 expedientes de xuízos de faltas, que se destruirán xa que carecen de valor xurídico e tampouco contan con valor de patrimonio documental. Esta documentación será retirada o 21 de setembro, xa que é necesario que transcorran dous meses de exposición pública para que as persoas interesadas poidan solicitar os documentos.
Nos xulgados de Cambados vai proceder a implantar a aplicación "Arquivo", un sistema de xestión de arquivos físicos e pezas de convicción que permite a organización íntegra da documentación xudicial e a súa vinculación coas pezas de convicción. Este proxecto comezou no xulgado de Primeira instancia e Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa e irase estendendo ao resto de xulgados deste partido xudicial.