As Rías Baixas, tamén sobre dúas rodas
Por Redacción
Pontevedra pode descubrirse de miles de formas distintas e unha delas é sobre dúas rodas. A Deputación Provincial, a través de Turismo Rías Baixas, puxo en marcha unha campaña para explotar a zona como destino turístico para quen se despraza en moto e, para iso, deseñou unha guía que ofrece catro rutas alternativas para motoristas pola provincia.
A guía distribuirase a través das oficinas de turismo da Deputación e tamén está previsto envialas aos distintos clubs de motoristas de toda España e facer unha versión web a través da páxina oficial da institución provincial.
O material deseñouno o propio persoal da Deputación e recibiu o apoio da blogueira Alicia Sornosa. A xornalista, influencer e primeira muller hispanohablante en facer a volta ao mundo en moto leva desde o luns percorrendo as Rías Baixas e este mércores acudiu á Deputación para apoiar a presentación oficial deste novo recurso de promoción turística.
A guía propón catro rutas, 'Costa Longa' entre A Guarda e Catoira, 'Costa Curta' entre Baiona e Pontevedra, 'Interior-Costa' entre A Cañiza e A Guarda e a ruta 'Interior' entre Silleda e Combarro. Ademais, inclúe unha serie de actividades alternativas e propostas de lecer para completar a visita ás Rías Baixas para os motoristas que opten por algún destes itinerarios e tamén consellos para o viaxeiro.
O deputado delegado de Turismo, Santos Héctor, presentou a guía en compañía de Alicia Sornosa, que destacou as posibilidades turísticas que teñen as Rías Baixas e a calidade das súas estradas. A blogueira, que recorreu en moto os cinco continentes desfíxose en eloxios sobre a zona e asegurou que a moto é "unha boa maneira de coñecer" toda a contorna.
Nestes días, retratou en fotos e vídeos os seus primeiros días de ruta, que logo plasmará no seu blogue e nunha guía de viaxe que está a elaborar. Entre outras curiosidades, este mércores realizará unha visita a unha batea.