As obras da Ponte Zapal estarán rematadas antes de outubro
Por Redacción
As obras de reconstrución de Ponte Zapal, en Marín, avanzan a bo ritmo, segundo o goberno local, despois de superar as dificultades que os operarios se atoparon durante os traballos.
Nestas obras apareceu un tendido subterráneo de media tensión que foi necesario desviar mantendo o servizo eléctrico e ademais atoparon unha calzada histórica e os restos da antiga ponte. Estes descubrimentos obrigaron a adpatar o proxecto.
En coordinación cos departamentos de Patrimonio Histórico decidiuse respectar os restos e cimentar por detrás da ponte antiga. Desta forma, o trazado do camiño histórico permanece definido e documentado.
En setembro pavimentarase de pedra e levarán a cabo os remates. Segundo o goberno da alcaldesa María Ramallo, espérase que antes de outubro as obras estean finalizadas.