C'est fini: fogos de artificio para despedir as Festas da Peregrina
Por Diego Torrado
Centos de persoas achegáronse na noite deste domingo ata o peirao das Corbaceiras e a súa contorna para presenciar a tradicional tirada de fogos de artificio que cada ano pon fin ás Festas da Peregrina.
Desde rúas e edificios ou o propio recinto festivo da Alameda, gozaron dun espectáculo pirotécnico que iluminou toda a cidade e puido verse tamén desde as parroquias máis próximas ao centro urbano e os municipios veciños.
Para garantir que a tirada de lumes se desenvolvese baixo o máximo nivel de seguridade, a Policía Local de Pontevedra puxo en marcha un dispositivo especial que impediu o tráfico de vehículos polo quilómetro cero da actividade pirotécnica e tamén estableceu un perímetro de seguridade para os peóns, evitando que se achegasen en exceso ao lugar desde o que traballaba a empresa responsable da tirada e ,desta forma, perigos innecesarios.
Finalmente, todo transcorreu sen incidencias reseñables, as Festas da Peregrina máis multitudinarias e tranquilas que se lembran chegaron ao seu fin e os pontevedreses encaran xa a recta final do verán. Xa o di o devandito popular, "despois da Peregrina, o inverno está encima".
Relacionadas:
-
Operativo policial para que as Festas da Peregrina terminen con fogos e seguridade
Por Redacción |
-
Os fogos de lucería iluminan o barrio de San Roque
Por Diego Torrado |
-
A Garda Civil inspecciona o material de pirotecnia para garantir a seguridade nos fogos de San Roque
Por Redacción |
-
Os fogos artificiais iluminan o Lérez na noite de Santiaguiño do Burgo
Por Diego Torrado |