A XII Xuntanza Popular do Monte Castrove lembra os atentados de Barcelona e Cambrils: "Poio está con Cataluña"
Por Redacción
A XII Xuntanza Popular do Monte Castrove organizada polo PP de Poio tivo este domingo un recordo moi especial para os atentados do xoves en Barcelona e Cambrils. Os máis de 500 asistentes gardaron un minuto de silencio en memoria das vítimas dos terroristas e os organizadores aseguraron que "Poio está con Cataluña".
"Poio tamén é Barcelona, Poio tamén é Cambrils. Os galegos estamos cos nosos compatriotas cataláns e enviámoslles toda a nosa solidariedade ás vítimas, ás súas familias e achegados. Están no noso corazón", sinalou o presidente do PP de Poio, Ángel Moldes, que engadiu que están "conmocionados e consternados" con estes actos terroristas.
Moldes reivindicou o xa tradicional xantar como unha oportunidade de reivindicar "a fraternidade, a convivencia, as liberdades" que defende o PP: "O que queren os terroristas é amedrentarnos, facer cambiar o noso modo de vida, pero non o conseguirán".
Ao Monte Castrove acudiron este domingo máis de 500 afiliados, simpatizantes e veciños de Poio e da comarca, ademais de cargos do PP como aos alcaldes de Marín, Sanxenxo e Moraña, María Ramallo,Telmo Martín e Luisa Piñeiro.
Non faltaron os presidentes local do PP de Pontevedra, Jacobo Moreira, e Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez Davila, e outros cargos destacados do partido como a senadora Pilar Rojo e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán.
A edición deste ano estivo dedicada ao municipalismo. Moldes puxo de exemplo a labor dos alcaldes populares presentes en asuntos como o IBI, o saneamento ou o investimento, os servizos e as infraestruturas municipais, que asegura que están "descoidadas durante máis de 20 anos de gobernos de Luciano Sobral" en Poio.