Sanxenxo traballa nun novo concurso para o centro de día e propón ampliar o horario
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo está a traballar nun novo prego de condicións coa idea de convocar un novo concurso para o contrato de concesión do centro de día da localidade, que na actualidade está prorrogado tras finalizar o contrato orixinal coa actual concesionaria no ano 2016.
Segundo a información facilitada polo Concello, a concelleira responsable de Servizos Sociais, Silvia Freire, traballa nun novo prego que incluirá unha ampliación do horario do centro. Na actualidade abre de 10.00 a 19.00 horas e a aspiración é que sexa de 9.30 a 19.30 horas.
O Concello recoñece que o prazo é moi xusto, xa que a prórroga finaliza en outubro, pero confía en sacar adiante este novo concurso para o único centro de día de Galicia de titularidade municipal.
Desde o goberno local lembran que Sanxenxo non recibe ningunha subvención de ningunha administración para manter este centro e anuncian que traballarán para lograr axudas, pois o custo anual do servizo é de 396.000 euros, dos que 206.000 son achega municipal e os 190.000 restantes achéganos os usuarios.
O centro de día atende na actualidade a 64 persoas, pero ten capacidade para 80 prazas.