Tráfico inicia este luns unha campaña de control de velocidade en vías urbanas e estradas convencionais
Por Redacción
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) inicia este luns 21 de agosto unha campaña de control de velocidade co obxectivo de incidir especialmente en estradas convencionais, cun só carril en cada sentido, ademais de nas vías urbanas de toda Galicia. A campaña desenvolverase ata o domingo 27 deste mesmo mes.
Utilizarase o máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles a través das xefaturas provinciais, segundo informan desde Tráfico. Sinalan que sempre que sexa posible, advertirase aos condutores da existencia próxima de controis, tanto a través de paneis de sinalización variable como de pantallas alfanúmericas da Agrupación de Tráfico.
Esta campaña non supoñerá a diminución de vixilancia noutras zonas, polo que nuns casos realizaranse denuncias sen notificación inmediata e noutros se procederá á identificación do condutor e á notificación "in situ".
Con esta iniciativa búscase diminuír os niveis alcanzados de grandes excesos de velocidade. Segundo Tráfico, existe unha estreita relación entre a velocidade inadecuada e os accidentes.
A consideración da velocidade como factor de risco non adquiriu o mesmo nivel que a non inxesta de alcol ou o uso do cinto entre os condutores. Con todo, o 20% dos accidentes mortais rexistrados en vías interurbanas españolas demostran que a velocidade é un factor concorrente. Unha velocidade adecuada podería evitar, segundo a DXT, unha cuarta parte das mortes en accidente de tráfico.
Na campaña colaborarán os concellos para realizar controis en zonas urbanas. A DXT alerta de que a partir de 80 km/h. é practicamente imposible que un peón se salve dun atropelo, mentres que a unha velocidade de 30 km/h. o risco redúcese ao 10%.
Na campaña desenvolvida entre o 22 e o 28 de agosto de 2016, na provincia controláronse 35.696 vehículos e sancionáronse 880 por exceso de velocidade. En Galicia o número de denuncias foi de 2.451 durante ese período.