Un bombeiro resulta ferido nun incendio na antiga casa de Filgueira Valverde
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un bombeiro pontevedrés resultou ferido e tivo que ser trasladado de urxencia ao hospital mentres traballaba nos labores de extinción dun incendio declarado á primeira hora da mañá deste domingo na antiga vivenda do escritor, político -ex alcalde de Pontevedra- e historiador Xosé Filgueira Valverde na rúa Arcebispo Malvar. A casa estaba deshabitada e as primeiras investigacións apuntan a que se trata dun lume intencionado con varios focos de orixe.
As lapas comezaron sobre as 7.30 horas da mañá e quedaron controladas dúas horas despois, pero os bombeiros continuaron os labores no lugar durante máis tempo. Seguiron arrefriando a vivenda durante o resto da mañá, ata as 12.15 horas, e volveron a media tarde para facer unha inspección a modo preventivo.
Segundo a información facilitada polo xefe dos Bombeiros de Pontevedra, Miguel Estévez, os bombeiros acudiron ao lugar, nun primeiro momento, por un pequeno foco de incendio nunha porta de acceso á vivenda a través dun garaxe, na que atoparon colchóns e outros aveños presumiblemente utilizados por okupas que utilizan a vivenda para durmir. Mentres sufocaban estas chamas, decatáronse de que había outro foco de lume, esta vez, na parte superior do edificio.
Mentres sufocaban este segundo incendio, orixinado nunha zona abuardillada da casa, o tellado colapsou, a estrutura veu abaixo e polo menos unha viga caeu sobre un dos bombeiros que realizaban as tarefas de extinción. O home, de 40 anos, sufriu un golpe na caluga e tivo que ser evacuado ao Hospital Montecelo para requirir asistencia. Recibiu a alta médica ao longo da mañá, en canto realizáronlle todas as probas oportunas e descartouse que existise lesión grave.
En canto ás consecuencias materiais do lume, afectou a esa zona superior do edificio, con moita presenza de madeira e que quedou practicamente derruida. O resto da estrutura da vivenda foi refrigerada en prevención, pero, en principio, non presenta danos.
Ata o lugar do lume desprazáronse tres dotacións dos Bombeiros de Pontevedra, así como o seu xefe e varias patrullas das policías Local e Nacional, que acordoaron cale Arcebispo Malvar e cortaron o tráfico nun tramo da avenida de Bos Aires, situada entre a vivenda afectada e o río Lérez. Tamén se trasladou ao lugar uan ambulancia para atender ao ferido.
Na zona congregáronse veciños de Arcebispo Malvar, transeúntes e os fillos de Filgueira Valverde. Segundo relataron, a casa afectada alberga, en realidade, catro vivendas. O lume alcanzou dúas delas, entre elas na que viviu toda a súa vida o ex alcalde de Pontevedra. En todo caso, todas están deshabitadas desde hai anos e na actualidade téñena á venda, pero con pouco éxito.
A vivenda está protexida por Patrimonio, pois segundo publicou Filgueira Valverde e lembra o seu fillo, Fernando Filgueira, está construída sobre unha torre de Paio Gómez Charino e ten unha xanela gótica, entre outras características. Ademais, sitúase xusto na leira contingua ao terreo no que está proxectado un tanatorio en Arcebispo Malvar.
A filla do escritor, Pilar Filgueira, propietaria da vivenda xunto a dúas das súas irmás, indicou que hai anos tiñan moitos problemas con okupas, pero había tempo que xa non tiñan constancia de ningún. Con todo, este domingo si apareceron evidencias de 'okupación'. Estaba deshabitada e baleira, pero os danos materiais ocasionados polo lume son cuantiosos.
Relacionadas:
-
Incendio nunha vivenda abandonada na avenida de Uruguai
Por Redacción |
-
Os bombeiros atoparon tres focos de orixe do incendio na antiga casa de Filgueira Valverde
Por Redacción |
-
As tarefas de extinción do lume en Arcebispo Malvar, en vídeos e fotos
Por Diego Torrado & Redacción | Creada e actualizada