VÍDEO.- Medios aéreos e terrestres controlan un incendio próximo ás casas en Cerponzóns
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Un incendio forestal cubriu este sábado de fume a cidade de Pontevedra e fixo saltar todas as alarmas. Rexistrouse na parroquia de Cerponzóns e finalmente quedou controlado en pouco máis dunha hora grazas a un amplo despregamento de medios terrestres e aéreos da Xunta de Galicia. Afectou a unha zona entre os lugares de Tilve, Leborei e Os Cunchidos.
Fontes oficiais da Consellería do Medio Rural indicaron que o lume se iniciou ás 15.20 horas e quedou controlado ás 16.45 horas. Aínda é pronto para ter unha extensión exacta da superficie arrasada.
Fundamentalmente resultou afectada unha plantación recente de oliveiras e unha zona de monte raso, pero o lume xerou gran alarma e preocupación entre os veciños ao declararse moi próximo a núcleos de vivendas.
Ademais, xerouse unha densa nube de fume que cubriu a cidade de Pontevedra e as parroquias máis próximas a Cerponzóns e era visible desde practicamente todo o municipio e fundamentalmente desde a estrada N-550 Pontevedra-Santiago.
Nas tarefas de extinción víronse implicados dous axentes forestais, seis brigadas, catro motobombas e dous helicópteros, ademais da inestimable colaboración dos veciños. Moitos deles achegáronse para colaborar nas tarefas con medios propios.