Cuntis rexistra cinco pequenos incendios forestais en apenas media hora
Por Redacción
Cinco incendios forestais declarados nun espazo de tempo de apenas media hora, entre as 8.00 e as 8.30 horas, afectaron este sábado ás parroquias de Troáns, Estacas e San Mamede, en Cuntis. En todos os casos, arrasaron superficies pequenas de terreo.
Segundo a información facilitada polo Concello de Cuntis, declarouse un incendio no lugar de Guldrigáns, na parroquia de Troáns; outro no lugar de Gontade, na parroquia de San Mamede; dous no lugar da Torre, na parroquia de Estacas; e un quinto no lugar de Magán, tamén en Estacas, pero xa no límite co Concello de Valga.
Os cinco lumes foron controlados grazas á actuación dos efectivos de Protección Civil de Cuntis, dúas cuadrillas e dous axentes forestais dos medios de extinción de incendios da Xunta de Galicia, unha motobomba do Concello de Cuntis, outra do Concello de Valga e máis medios autonómicos.
Fontes próximas indicaron que todo apunta a que, dadas as características, trátase de incendios intencionados. Trátase de lumes iniciados na mesma zona, seguindo unha liña recta, en moi breve espazo de tempo e, aparentemente, coa mala intención de acabar arrasando o monte Xesteiras.