Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro ármanse contra a avespa velutina
Por Redacción
Os concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade acaban de unirse ao plan de vixilancia e control para a avespa velutina posto en marcha pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.
Este departamento autonómico entregou a ambos os dous municipios material para a loita contra a avespa velutina, en concreto, unha pértega de 27 metros e dous equipos de protección individual para cada concello.
A achega realizouse no momento no que Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro pasaron a ser entidades colaboradoras. En total, xa se entregaron 40 pértegas das 41 que prevé repartir a consellería este ano.
Dentro deste plan contra a avespa velutina, Medio Rural está a distribuír por toda Galicia 5.700 trampas e doses de líquido atraente entre os apicultores, que complementan ás 5.100 que xa foron distribuídas nos anos 2015 e 2016. Estes instrumentos utilízanse para capturar ás raíñas e impedir que se formen novos niños.
No plan de vixilancia e control para a avespa velutina participan as consellerías de Medio Rural; Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través dos grupos de emerxencia supramunicipais; Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; e máis dun centenar de concellos, así como asociacións apícolas.
No caso de visualizar un niño recoméndase non actuar directamente e alertar aos especialistas chamando ao teléfono 012.
Relacionadas:
-
Ferido un voluntario de Protección Civil ao caer dunha árbore mentres retiraba un niño de velutinas
Por Redacción |
-
Os técnicos non dan abasto coa avespa velutina
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Unha raíña e doce machos que conseguiron invadir Europa
Por Marisa Ciordia |
-
Os concellos intentan facerlle fronte á invasión de avespas velutinas
Por Redacción |