Tráfico denuncia 120 condutores bébedos durante o control da Festa da Auga
Por Redacción
O operativo especial de control establecido polo subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra con motivo da Festa da Auga deixou un balance de 147 condutores denunciados por conducir consumindo alcol ou drogas. Deles 120 deron positivo en alcol e 27 en drogas.
O control da Garda Civil de Pontevedra, con apoio de efectivos do sector de Tráfico de Galicia, estableceuse co obxectivo de poñer fóra da rede viaria a aqueles condutores que tiñan bebido ou consumido alcol e/ou drogas e realizáronse un total de 3.731 probas.
Ademais, un veciño de Vilagarcía de 40 anos foi detido tras fuxir dun punto de verificación de alcol e drogas no que fora parado previamente. Durante o seguimento, circulou a gran velocidade polas rúas peonís e a zona da praia A Concha-Compostela, onde se concentraba un número importante de asistentes a esta festa, poñendo en perigo a vida das persoas e facendo caso omiso a todos os sinais e indicacións para que detivese a súa marcha. Tiña o carné retirado por sentenza xudicial firme ata o 21 de marzo do próximo ano.
A dous condutores atribuíuselle a condición de investigados por conducir tras esgotar o seu saldo de puntos e a outros dous máis por conducir tras ser privado deste dereito mediante sentenza xudicial firme. Ademais, o pai dun condutor que fora denunciado por superar as taxas de alcol acudiu a recollerlle e acabou o mesmo denunciado.
En relación coas probas de alcoholemia, de 120 condutores que deron positivo, 114 foron denunciados por vía administrativa e seis por vía xudicial. Tamén se denunciou ante o xulgado de garda a un condutor por un suposto delito contra a seguridade viaria por conducir tras esgotar o saldo de puntos do seu permiso de conducir.
En relación co consumo de drogas, o 44% das 61 probas realizadas deron positivo, un total de 27. Entre as drogas máis consumidas están o cannabis e a cocaína.