Música de Euskadi e A Rioxa para completar o XVI Festival Folclórico
Por Redacción
A Alameda de Ponte Caldelas será escenario o vindeiro sábado 26 de agosto da XVI edición do Festival Folcrórico.
A cita, organizada polo grupo de baile Os Coribantes, desenvolverase a partir das 20:30 horas nunha edición na que por primeira vez actuarán dous grupos de baile tradicional do País Vasco e A Rioxa.
O cartel conta cos Coribantes como grupo principal da xornada, acompañados nesta ocasión polos biscaíños Euskal Dantzari Taldea e o rioxanos Grupo de Danzas Virgen de la Antigua.
Desta forma o repertorio do festival incluirá desde muiñeiras ou xotas ata o espetáculo de danza que traerán os dous grupos invitados.
O certame foi presentado este xoves coa presenza do alcalde, Andrés Díaz, o concelleiro Lito Muíños e o presidente dos Coribantes de Buchabade, Lito Rodríguez.