Pulseiras identificadoras na Lanzada para non perderse na praia
Por Redacción
O alcalde do Grove, José Cacabelos, e a concelleira de Turismo, Enma Torres, presentaban este mércores na praia da Lanzada un programa de pulseiras identificadoras destinado a menores e a persoas de avanzada idade. Estes dispositivos contarán coa identificación e o contacto que permitiría a localización das familias no caso de que estas persoas se extravíen no areal.
Segundo o goberno local, a praia da Lanzada acolle ao redor de 8.000 persoas ao día. As familias interesadas en portar unha destas pulseiras, mergullables e con peche de seguridade, teñen que dirixirse aos postos de socorrismo para solicitala.
Desta forma, se un menor chega a perderse resulta máis sinxelo para os servizos de vixilancia localizar os responsables, do mesmo xeito que sucede con persoas maiores que se poidan desorientar.
Desde o goberno local queren que esta medida se desenvolva durante os próximos anos e sinalan que no que leva de verán non se rexistraron incidencias de relevancia nesta praia.