VÍDEOS.- Un "chorrazo" de auga na Festa de Vilagarcía
Por Redacción
Miles de persoas participan este mércores da celebración da Festa da Auga en Vilagarcía de Arousa, con motivo da festividade de San Roque.
A xornada comezaba co traslado da imaxe do patrón desde a igrexa de Santa Baia ata a capela de San Roque. Como é tradicional e ante centos de persoas, o santo movíase trasladado á carreira e bailando ao ritmo do pasodobre 'Triunfo'.
Tras a lectura do pregón iniciouse a molladura dos participantes na edición deste ano por toda a Zona Húmida, que nesta ocasión contaban cun espazo dedicado a xogos acuáticos nas proximidades á Praza de Galicia.
Como é habitual, os veciños desde a casa lanzaban cubos de auga ou utilizaban directamente mangueiras ao xentío, sobre todo de xente nova, apiñado nas rúas, que reclamaban o líquido elemento para sufocarse das calores deste 16 de agosto.