A Festa do Mar chega á 17 edición á espera do recoñecemento como evento de interese turístico
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
A Festa do Mar chega a súa 17 edición e xa cumpre cun dos requisitos principais esixidos pola Xunta de Galicia para concederlle o recoñecemento de Festa de Interese Turístico. Xosé Luís Martínez, concelleiro de Festas en Poio, explicaba que este ano volverán tentar obter este distintivo despois de solicitalo sen éxito en varias ocasións porque sempre se ampliaba o número de anos mínimo para conseguilo e a administración autonómica non consideraba que contase cunha singularidade importante.
O concelleiro acompañado polo responsable do Festival Armadiña Rock, Afonso Vilanova, e polo presidente do Club Mariño A Reiboa, Xaquín Fabeiro, presentaba a edición deste ano que será desde o mércores 23 ao domingo 27 de agosto. Durante eses cinco días, Combarro contará con múltiples actividades entre as que destaca o concerto de David Civera o 23 na praza da Chousa; o Festifolk Poio coas actuacións de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre, ademais de Radio Cos durante o xoves 24; o Festival Armadiña Rock con Heredeiros da Crus e outras tres bandas chega o venres 25 na praza de San Roque e o sábado continuarán os concertos do Armadiña Rock coas actuacións, entre outros, de Ruxe Ruxe, Talco e Def con Dos na Chousa. O apartado musical pecharase o domingo coa actuación e a Orquestra Capitol.
Martínez sinalou que este ano xa teñen en conta a previsión de que poidan chegar a instalarse máis de mil tendas de campaña na zona da Reiboa na Seca, que darán cabida a ao redor de 3.000 persoas na zona de acampada libre. Ata o momento xa se han preinscrito máis de 400 tendas. Para os campistas haberá unha zona de aparcadoiro na leira que cede un particular na zona da Seca. Tamén se habilitarán outros puntos para aparcar na contorna de Combarro ante a asistencia masiva de público que se agarda. Instalaranse baños públicos na praza da Chousa e tamén no paseo marítimo.
O orzamento volverá roldar os 200.000 euros, segundo sinalaba o concelleiro, que indicaba que a estimación económica dependerá das vendas de produtos e das actividades comerciais que se desenvolvan durante os días de festa. Xosé Luís Martínez indicou que este ano tres casetas gastronómicas saíron a concurso público e tamén haberá outros dous do Concello de Poio, un deles con ameixas e mexillóns, produtos extraídos da ría. O responsable de Festas comprometeuse a publicar nos 15 días seguintes ao evento os datos de gastos e ingresos relacionados con esta celebración. Desde o Concello de Poio entenden que o retorno económico para os negocios desta contorna turística son moi importantes. Para esta edición tamén se encargará unha medición do número de asistentes durante os cinco días de actividades.
A Festa do Mar, que naceu en 2001 con motivo da concentración de embarcacións tradicionais, volverá contar cunha nova edición na que se esperan ao redor de 30 barcos. Os interesados en participar poden facelo a través do correo electrónico: cmreiboa@gmail.com
O concelleiro tamén destacou que o cartel de 2015 da Festa do Mar logrou o premio da asociación de profesionais da publicidade de toda España.
Relacionadas:
-
Combarro dá a benvida a unha nova edición da Festa do Mar
Por Diego Espiño |
-
Plan especial de tráfico e seguridade para a Festa do Mar
Por Redacción |
-
17 bandas encherán Combarro de potencia sonora no Armadiña Rock
Por Anxo Lourido |
-
O Armadiña Rock completa o cartel da que anuncian como a súa edición "máis ambiciosa"
Por Redacción |
-
David Civera, Xabier Díaz e Radio Cos completan co Armadiña Rock os concertos da Festa do Mar de Combarro
Por Redacción |
-
Def Con Dos, principal atractivo do festival Armadiña Rock
Por Redacción |