Un informe de Patrimonio bota por terra o proxecto para ampliar a Casa do Pobo de Tourón
Por Redacción
Un informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia desautoriza as aspiracións do Concello de Ponte Caldelas de ampliar o local veciñal de Tourón ocupando o espazo do actual palco da música.
O documento conclúe que son construcións "sen interese arquitectónico ningún que o único que fan é deturpar o ámbito da igrexa románica" e nega a autorización para "calquera actuación futura". O contido do informe facilitado polo Concello de Ponte Caldelas tamén recomenda, a modo orientativo, o derrubo destes elementos.
O Concello valora que este informe significa botar "un xerro de auga fría" sobre as aspiracións da veciñanza de Tourón para ampliar a súa pequena Casa do Pobo e xa puxo os feitos en coñecemento dos veciños a través dunha xuntanza.
O alcalde, Andrés Díaz, lamenta a falta de rigor do anterior equipo de goberno do PP, que prometeu esta obra sen contar nin con proxecto nin cos informes técnicos preceptivos e determinantes de Patrimonio da Xunta de Galicia.
Segundo explicou, os veciños de Tourón insistiron en que se fixera estas obra, que xa estaba comprometida polo anterior alcalde, de maneira que estudaron o tema e comprobaron que "non había nada feito" e que "unha vez máis, enganaran á xente".
O Concello entende que a actual Casa do Pobo de Tourón é insuficiente para atender a unha parroquia tan poboada e insiste en que os palcos de música xa non se utilizan en case ningún lugar, pois as orquestras contan con escenarios propios, polo que, en principio pode ser acertado aproveitalos para este tipo de fins.
Retomadas as xestións e elaborado o proxecto, solicitaron o preceptivo informe de Patrimonio, que agora deixa claro que esta obra é inviable. Segundo sostén o Concello, nin entrou a valorar as características do proxecto, pois xa entende que o xa construído supón un impacto visual negativo sobre a igrexa de Santa María de Tourón e non autoriza ningunha actuación máis.