A estatua homenaxe aos canteiros en Cuntis, reparada con mil euros
Por Redacción
Operarios do servizo de mantemento do Concello de Cuntis e traballadores dunha empresa auxiliar deste municipio procederon á rehabilitación da estatua homenaxe aos canteiros.
Acometeron, durante estes días, a instalación da iluminación, ademais de levar a cabo a limpeza e o tratamento da escultura con produtos hidrófugos.
O monumento, segundo informan desde o goberno local, atopábase desde hai anos en mal estado. Precisábanse traballos de limpeza e de conservación para mellorar a súa imaxe. As obras desenvolvidas realizáronse cun orzamento de mil euros.
Esta homenaxe a unha das profesións tradicionais de Galicia é un monumento esculpido polo artista local Maxín Picallo Durán.