A Lama habilita un cento de prazas de aparcadoiro de balde no centro urbano
Por Redacción
O Concello da Lama habilitou unha zona de aparcadoiros gratuítos con capacidade para preto dun centenar de vehículos nas inmediacións do centro de saúde, a Alameda e a zona de servizos municipais e comerciais. Inclúe dúas prazas para persoas con mobilidade reducida.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, inspeccionou a finalización dos traballos realizados e sinalou que responden a unha demanda veciñal expresada na última asemblea celebrada na Casa do Pobo da Lama.
Este aparcadoiro disuasorio ten as prazas perfectamente sinalizadas e delimitadas por un pintado horizontal sobre unha superficie asfaltada que foi ampliada fronte ao centro de saúde e o local municipal de usos múltiples para un mellor aproveitamento do espazo dispoñible.
A área de estacionamento posúe un peche perimetral do recinto de aparcadoiro cunha beirarrúa e un paso peonil elevado que comunicará a Alameda co aparcadoiro e a zona comercial e de usos comunitarios.
O Concello da Lama aproveitou o investimento para realizar diversas obras de canalización e saneamento de pluviais coa intención de que se produza unha mellor recollida da auga de choiva e sexa perfectamente dirixida ao sistema de evacuación municipal.
Este aparcadoiro é de uso totalmente gratuíto e permanente coa intención de que os veciños e visitantes que se acheguen ata o centro urbano da Lama dispoñan dun lugar adecuado para estacionar os seus vehículos comodamente a un paso desta zona de servizos.