O mobiliario urbano das praias de Marín, deteriorado por 'actos vandálicos'
Por Redacción
Os areais de Portocelo, Mogor e Aguete foron durante os últimos días obxecto de "actos vandálicos", segundo denuncia o Concello de Marín.
En concreto viuse afectado o paseo das praias e os servizos públicos dos tres areais con accións que se levaron a cabo durante as noites de venres 11 e sábado 12 de agosto.
Desta forma a varanda de madeira do paseo foi rota nalgunhas zonas, mentres que os baños masculinos de Mogor, Portocelo e Aguete apareceron atascados tras ser inutilizados ao introducir neles bolsas de plástico con pedras, rolos enteiros de papel hixiénico e comida.
O mesmo sábado os servizos de Aguete e Mogor puideron ser postos de novo en servizo, pero non así o de Portocelo ao ser necesario desmontar toda a instalación e utilizar unha máquina de presión.
Estes actos supoñen "un importante dano á imaxe da nosa vila ademais dun custo económico para Marín, xa que a reparación destes danos non está contemplada nas tarefas de mantemento diario das praias", sinalaron desde o goberno local.