14.720 euros para mercar novos colectores de recollida selectiva en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai adquirir novos lotes de contenedores para envases lixeiros e papel-cartón co obxectivo de impulsar a selección de residuos e favorecer a reciclaxe. En total, investiranse 14.720 euros, dos que 6.270 serán para os de envases lixeiros e os 8.450 restantes para os de papel-cartón.
Esta adquisición será posible a través de dous convenios de colaboración entre o Concello e Ecoembes, que será a entidade que sufragará o custo destes depósitos de almacenamento.
O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o director de xestión local de Ecoembes, Ángel Hervella, xa asinaron os dous acordos, que buscan incrementar o depósito axeitado deste tipo de residuos e aumentar a porcentaxe de materiais reciclados.
Os convenios especifican que os contenedores serán de nova implantación e, en ningún caso, os fondos serán para a reposición dos existentes que poidan estar deteriorados. O Concello de Cerdedo-Cotobade está obrigado a adquirir os contenedores e a colocalos na vía pública nun prazo máximo de tres meses.
O Concello tamén se compromete a manter actualizado o inventario dos contenedores, a garantir a prestación axeitada do servizo de recollida selectiva evitando os desbordamentos e a manter limpos os contenedores e a súa contorna.
Jorge Cubela destacou que estes dous convenios son un novo paso a prol do coidado do territorio e das súas condicións, "un aspecto no que estamos á vangarda e no que somos líderes a nivel galego".
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade estuda abrir un expediente sancionador á empresa de recollida de cartón
Por Redacción |
-
O plan piloto de compostaxe esténdese á parroquia de Carballedo
Por Redacción |
-
Cotobade acolle un proxecto piloto de compostaxe do Ministerio de Medio Ambiente
Por Redacción |
-
Cotobade renova o acordo para compartir o uso e mantemento da planta de lixo da Lama
Por Redacción |