Un obradoiro da Deputación dará traballo a 24 persoas para mellorar a xardinaría e o mobiliario urbano da provincia
Por Redacción
A Deputación Provincial porá en marcha a partir do próximo mes de outubro un novo obradoiro de emprego, bautizado Depoespazos, que creará un total de 24 postos de traballo co obxectivo de mellorar esteticamente os espazos públicos dos concellos e das parroquias da provincia de Pontevedra, ademais das zonas exteriores das distintas instalacións do organismo provincial.
Segundo deu a coñecer a Deputación, a Xunta de Goberno deste venres aprobou este novo obradoiro, que terá un investimento total de máis de 300.000 euros. Estará en marcha entre outubro de 2017 e xuño de 2018.
Os traballos de Depoespazos materialízanse en elementos de xardinaría e mobiliario urbano, desde papeleiras a bancos, sinalización e pérgolas. En total, o alumnado do obradoiro de emprego fabricará 50 bancos de madeira, 50 pérgolas e 100 papeleiras de madeira para dotar de mobiliario a algúns destes espazos.
No que corresponde á xardinería, os alumnos primeiro recibirán unha formación teórico-práctica que, unha vez rematada, aplicarán na Escola de Cantería, o Castelo de Soutomaior, o Castelo de Sobroso e o Palacete das Mendoza. Todos estos espazos de titularidade pública da Deputación contan cunha ampla superficie forestal e axardinada que é necesario manter tanto esteticamente como para a prevención de incendios forestais.
As 24 persoas contratadas distribuiranse nos seguintes postos de traballo: un director, un titor, dous expertos docentes (unha persoa en xardinería e outra en carpintaría) e 20 alumnos traballadores con contratos de traballo para a formación e a aprendizaxe. A selección de todo o persoal farase a través de sondaxes á Oficina de Emprego.