Falece o operario de mantemento atropelado na autovía do Salnés
Por Redacción
O operario de mantemento de estradas atropelado por unha furgoneta na tarde deste venres na autovía do Salnés resultou finalmente falecido. O home, de 41 anos de idade, foi trasladado en helicóptero ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tras o accidente, pero nada puideron facer por salvar a súa vida.
O accidente ocorreu sobre as 15.30 horas na AG-41 ao seu paso polo termo municipal de Meaño. O operario estaba a aparcar o vehículo que utiliza para realizar os labores de limpeza da vía nas proximidades da saída a Dena (Meaño) para poder realizar tarefas de sinalización cando foi arrolado pola furgoneta.
O vehículo alcanzou ao traballador e desprazouno varios metros, causándolle feridas de gravidade, principalmente na cabeza. A pesar de que foi atendido xa no lugar do accidente por persoal sanitario de Urxencias Médicas de Galicia e de que foi trasladado de urxencia en helicóptero ao hospital, as feridas eran demasiado graves e non sobreviviu.
A Garda Civil de Tráfico reduciu o tráfico a un dos carrís do tramo afectado, preto da saída de Dena. Ata o lugar trasladáronse tamén os Bombeiros de Ribadumia e os efectivos do GES de Sanxenxo.
O falecido, de iniciais J.A.O.R., era natural de Vilaboa, pero veciño de Sanxenxo, localidade onde recibirá sepultura este domingo.